O coronavirus infectará a unha cantidade significativa de persoas, pero só unha proporción pequena de nós notaremos síntomas; e dos que os noten, unha parte pode ter afectación importante, sinaladamente as persoas maiores, os diabéticos, pacientes inmunodeprimidos...
O virus pode producir problemas respiratorios graves que poden chegar ser letais. Todo indica que esto acontece cando o virus provoca unha resposta inflamatoria severa, desproporcionada, no sistema respiratorio. En patoloxías semellantes ó COVID-19, sabemos que os pacientes que teñen déficit de vitamina D reaccionan peor a esa severa resposta inflamatoria. Nesta liña, se miramos as estatísticas de casos de morte por millón de habitantes nesta pandemia, veremos que están sendo peores nos países que están pasando polo período inverno-primavera, e hai menos mortes en países do hemisferio sur (agora en verán-outono), mesmo con peores recursos sanitarios; nos países nórdicos hai menos mortes, pero xustamente aí hai programas de suplementación de vitamina D na poboación xeral. A taxa de mortes é maior en Italia ou España, onde se encontran máis casos de déficit desa vitamina.
Todo esto tén que ser probado na pandemia actual, pero antes de dispoñer deses estudos semella razoable recomendar o uso de suplementos de vitamina D. Por outra banda, o confinamento supón unha menor exposición ó sol, e xa sabemos que esa exposición é unha fonte de vitamina D, polo que o confinamento pode implicar maior risco de déficit desa vitamina.
Eso si, debemos deixar claras dúas cousas:
1. Con suplementos de vitamina D non se protexe ún do contaxio, senón que, caso de ser infectado, podería defenderse mellor dunha evolución grave da enfermidade.
2. Hai que ter moito coidado de tomar doses axeitadas de vitamina D, porque se nos pasamos de dose poderíamos sufrir problemas serios.
Anímome, polo tanto, a recomendarlles que fagan unha consulta médica para avaliar a prescrición de doses suplementarias de vitamina D nestas semanas que temos por diante.